Catálogo

Quen Somos

A Libraría Pedreira nace en xaneiro do 81, logo de que un bar se transformase en libraría. Nace impulsada pola ilusión de defender e divulgar a lingua, promover a cultura galega. Difundilas a través da literatura, a música, os formatos audiovisuais. Espallalas participando en diferentes actos culturais (feiras do libro, certames, festivais...), así como na edición de libros e revistas de carácter local ou en diversos medios de comunicación.

Atendendo ás variadas necesidades, leváronse a cabo diferentes reformas co fin de mellorar o servizo ós clientes, culminadas co novo deseño corporativo da libraría. Apostando na súa medida na I+D, é das primeiras librarías que contan con páxina web (dende 1998).

Ano tras ano, a Libraría Pedreira organiza un variado programa de actividades culturais dentro do propio marco da libraría: presentacións e sinaturas de libros diante dos medios, debates, lecturas, contacontos, recitais de poesía, charlas..., ademais da súa participación en congresos, debates, fórums, tanto de carácter público (Consello da Cultura Galega) como privado (Fundación Carlos Casares).

O propietario da libraría, Antón Pedreira, foi o presidente da Agrupación de Libreiros de Santiago de Compostela e comarca, ademais de director da Feira do Libro de Santiago de Compostela, dende o ano 1996 ata o 2005. Colaborador habitual dos medios de comunicación, conta ou contou cun espazo dedicado ao libro en RadioVoz (grupo Voz de Galicia), Radio Obradoiro (grupo El Correo), Onda Cero, Radio Galega, Televisión Galega, Localia, Correo TV, Semanario A Nosa Terra e Voz de Galicia.

En canto a recoñecementos ou galardóns, pódense destacar os seguintes:

No ano 2003, a Libraría Pedreira recibiu o PREMIO IRMANDADE DO LIBRO 2003, da Federación de Libreiros de Galicia, á mellor libraría galega.

Nos anos 2003 e 2004 foi finalista nos PREMIOS CEGAL á mellor LIBRERÍA CULTURAL do estado español.

No ano 2004, Antón Pedreira foi galardoado ca Medalla de Ouro do I.E.S. Rosalía de Castro, polo seu firme convencemento en defender que a cultura, a educación e o deporte van da mesma man. O instituto compostelá é o mesmo que outorga os prestixiosos Premios San Clemente, dos que a Libraría Pedreira é colaboradora.

No ano 2009 recibe o PREMIO MANUEL BEIRAS, en calidade de distinción especial, outorgado pola ampla traxectoria na defensa da cultura e da lingua galega.

No ano 2015, a Libraría Pedreira é nomeada como un dos oito establecementos Embaixadores do Barrio de San Pedro.

No ano 2016, a Libraría Pedreira recibe o Premio Honorífico na 1ª GALA DO LIBRO GALEGO.

No ano 2017, a Libraría Pedreira é un dos cinco comercios composteláns que acada a distinción de COMERCIO EMBLEMÁTICO (Concellaría de Comercio de Santiago de Compostela), sendo a única libraría galardoada.

A Libraría Pedreira seguirá sempre apostando polas librarías, entendidas como espazos abertos, defendendo o pluralismo, sen esquecerse do seu tradicional nacemento e do significado que representa unha libraría para a cultura mundial. Considerando firmemente que “Un país sen LIBRARÍAS é un país sen CULTURA”.